Friday 29 de March de 2024

Presentado o IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro


O Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia presentaron neste 7 de setembro o IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, concibido como un medio para promociona-los novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxear ó mencionado escritor, veciño da Pobra e falecido no 2017. O acto transcorreu no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coa presenza da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o presidente da A. C. Barbantia, Manuel Cartea; e Lourdes Briones, viúva de Carlos Mosteiro.

O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estimar que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria tal e como sucedeu na terceira edición, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3.000 euros, duplicándose a contía respecto a edicións anteriores. Ademais, publicarase na colección Árbore da Editorial Galaxia, para cuxa edición o Concello fai unha aportación económica, e repartiranse exemplares entre a rapazada da Pobra.

A edil Patricia Lojo puxo de manifesto a importancia de que dende as institucións “se promova a cultura galega, a literatura, a creación e salvagardar este tipo de iniciativas.” Pola súa parte, Francisco Castro, en referencia ao certame literario, afirmou que “podemos dicir que é un dos premios de referencia na literatura infantil e xuvenil do noso país.” Así mesmo, Manuel Cartea fixo un repaso pola traxectoria profesional de Carlos Mosteiro, e Lourdes Briones expresou o seu agradecemento ás partes implicadas, ademais de animar á xente a participar.

O prazo de recepción de orixinais remata no 30 de outubro de 2021. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Tamén constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. O ditame darase a coñecer no 30 de novembro e a entrega do premio será no mes de decembro de 2021.

As bases completas e documento de solicitude están dispoñibles nas páxinas web das entidades impulsoras.